Sunday 12 de May de 2024

Yoya Neira dáse cita coa militancia coruñesa nun novo encontro na Casa do Pobo


A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá destacou a posta en marcha do primeiro programa municipal de saúde mental

Yoya Neira: “A pandemia evidenciou o abandono da Xunta de Galicia, deixando a xestión en mans dos concellos sen dotarnos de equipamento e persoal para levala a cabo en condicións”

A concelleira de Benestar Social, Igualdade eParticipación Cidadá do Concello da Coruña, Yoya Neira, deuse cita cos socialistas da Coruña esta tarde para facer balance do traballo realizado durante o mandato. Este é o segundo dos “Encontros na Casa do Pobo”, un ciclo de charlas organizadas pola Agrupación Socialista da Coruña en colaboración co Grupo Municipal para explicar á militancia socialista da cidade as medidas levadas a cabo dende 2019.

Yoya Neira, responsable das áreas de Goberno de carácter máis social, destacou a xestión dos recursos no marco da Pandemia. “O noso primeiro reto foi buscar un espazo para as persoas que non se podían confinar porque non tiñan unha casa onde confinarse. Abrimos o Palacio dos Deportes de Riazor que albergou a máis de 120 persoas aínda que no primeiro mes tivemos que abrir unha nova localización porque xa estabamos ao límite da capacidade” explicou a edil.

A responsable de Benestar Social no Goberno puxo en valor a solidariedade das entidades sociais da cidade así como da colaboración público-privada, asinando acordos históricos para a protección de todos os coruñeses e coruñesas. “A pandemia evidenciou o abandono da Xunta de Galicia, deixando a xestión en mans dos concellos sen dotarnos de equipamento e persoal para levala a cabo en condicións. Por sorte, esta cidade dispón dun tecido asociativo solidario moi importante e que sempre está disposto a axudar, suplindo os recursos que deberían ser financiados por administracións superiores como a autonómica” sinalou.

Yoya Neira explicou que o Orzamento 2022 ten un marcado carácter social, achegando unha cifra récord en investimento. “Estes orzamentos foron os máis altos da historia, taménna área social, mobilizando máis de 27,5 millóns de euros” explicou. A partida destinada a benestar social compleméntase coas correspondentes ás áreas de mocidade, participación e igualdade chegando a máis de 30 millóns de euros de investimento.

Este ano tamén se incrementou en 700.000 o investimento destinado aos convenios conentidades sociais para potenciar a cooperación coas entidades do terceiro sector nas políticas de emerxencia e inclusión social, achegando case 3 millóns de euros. A isto súmase o incremento de orzamento en programas coma os campamentos infantís, que contan con máis de 200.000 euros de orzamento e ofertan máis de 7.000 prazas cada ano xunto co programa de becas comedor. “Incrementamos un 20% o orzamento nas bolsas comedor dando un servizo a máis de 2.000 familias porque somos conscientes da importancia de ter uns bos servizos de conciliación ao dispor da cidadanía” sentenciou.

A edil destacou como grandes fitos do mandato, ademais da xestión da pandemia, a apertura do espazo xuvenil “O Remanso”, que contou cun investimento de máis de 400.000 euros, xunto coa posta en marcha do primeiro programa municipal de saúde mental orientado á mocidade para a prevención de condutas auto lesivas. “Son dúas actuacións que van na liña marcada por este Goberno de prestar unha maior atención á mocidade e que tiveron moi boa acollida” sinalou. Yoya Neira tamén puxo en valor a dinamización da rede de Centros Cívicos con actividades para todos os públicos, desde campamentos de conciliación ata o regreso dos bailes para maiores. “Este foi o mandato da xente, onde nos centramos primeiro, en blindar e incrementar os recursos sociais municipais e segundo, crear novos programas e convenios para seguir avanzando nunha A Coruña máis social e xusta para todos e todas” conclueu.